Amanita

As amanitas (Amanita) é un xénero de fungos basidiomicetos da orde Agaricales. Contén arredor de 600 especies de fungos, e inclúe tanto algunhas das especies máis apreciadas como comestíbeis como varias das máis tóxicas do mundo (na súa maioría son tóxicas). A especie tipo do xénero é o rebentabois (Amanita muscaria), mentres que a considerada máis perigosa é a cacaforra da morte (Amanita phalloides). O 95% dos envelenamentos por consumo de fungos está provocado por especies que conteñen amatoxinas (que son propias, mais non exclusivas, deste xénero), cunha probabilidade de morte de entre o 10% e o 60%. O tóxico máis potente presente neste xénero, que tamén pode atoparse noutros cogomelos velenosos, é a amanitina.. As amanitas tóxicas adoitan denominarse en galego coma cacaforras. Tamén contén o xénero moitos cogomelos comestíbeis e moi apreciados na gastronomía. Nunha ampla variedade de culturas, os cogomelos das diferentes especies comestíbeis de Amanita son apañados e procesados ou comercializados para o consumo. Son moi apreciadas especies como A. zambiana e outras especies carnosas en África Central, A. basii e outras semellantes en México, a amanita dos Césares ou raíña (A. caesarea) en Europa e A. chepangiana no sueste Sueste Asiático. Outras especies úsanse para darlles cor a ensaladas, como a vermella A. jacksonii, que se consome na costa leste de América do Norte, dende o Canadá deica México. Moitas especies son de comestibilidade descoñecida, especialmente en países como Australia, onde os cogomelos son moi pouco coñecidos. En Galiza tampouco é moi común polo de agora o consumo de cogomelos, agás os comercializados nos mercados, porén é xa unha das zonas da península de maior consumo.


Developed by StudentB